Monday 13 de May de 2024

A facturación da lonxa de Riveira creceu un 30% no primeiro semestre do 2016 con respecto ao mesmo período do ano pasado


O prezo medio rexistrou tamén un notable incremento: o 40%

A facturación da lonxa de Riveira, a máis importante do país en pesca do día, rexistrou no primeiro semestre deste ano un importante aumento con respecto ao mesmo período do 2015 ao crecer un 30%, pasando de 15 millóns de euros a 19,4 millóns.

Así o reflectiu esta mañá o alcalde Manuel Ruiz nun acto que contou tamén co administrador da rula, José Manuel Orellán, e no que se reflectiu tamén o notable incremento rexistrado polo prezo medio, que de 1,03 euros subiu a 1,42 euros. No que se refire ao volume de descargas, sitúase no entorno dos 13,7 millóns de kilos.

Tanto Ruiz como Orellán destacaron que de seguir esta tendencia ao final de ano poderíamos alcanzar os 40 millóns de euros de facturación, o que significaría un récord histórico na lonxa.

Nova rula
O alcalde acolleu con satisfacción estes datos e amosou a súa confianza en a nova lonxa sirva para melloralos a través da captación de novas especies e novos mercados: un tema no que tamén incidiu o administrador que espera que ao ser unhas instalacións considerablemente mellores que as actuais e ao estar equipadas con climatización é de esperar que os prezos medios aumenten.

Entre as causas que motivan este incremento salientouse a da incorporación dos barcos de a flote da confraría da Pobra (tamén o fan dende hai tres anos os extractores de navalla da zona de Muros, Noia e Porto do Son), que comprobaron como o prezo medio dos seus produtos aumenta como consecuencia de operar na lonxa riveirense. Tamén contribuíu a participación na rula de barcos con bandeira portuguesa.

Por especies, o lirio segue a ser a principal con 6.000 toneladas descargadas (o que representa o 43% do total de especies) e 5,1 millóns de facturación (o 26,4% do total). O prezo medio subiu un aumento ata o 0,87 euros.

A segunda especie en importancia é o xurel, con 2.300 toneladas descargadas e 2,5 millóns de euros facturados. Síguelle a xarda (1.900 toneladas e 1,7 millóns), o cabalón (1.000 toneladas) e a pescada (600 toneladas e 1,9 millóns).

Tamén se fixo fincapé no significativo aumento na sardiña (de 50.000 kilos pasouse a 228.000) e nos moluscos (con 30.000 kilos e 255.000 euros).